Novas
.
 

Via Alfoz celebrará a súa Asemblea Xeral o domingo 13 de Novembro de 2022

A nova Dirección Executiva será a encargada de elixir a candidatura para as eleccións municipais de 2023
 Alfoz, 10 de setembro de 2022.

Na última reunión da Dirección Executiva de Via Alfoz, decidiuse celebrar a Asemblea Xeral Ordinaria o vindeiro domingo 13 de novembro. Nesta asemblea elixiranse os membros da nova Dirección Executiva, que será a encargada de elixir a candidatura para as eleccións municipais de 2023. Unhas eleccións as que se pretenden presentar coa intención de darlles aos veciños e veciñas de Alfoz unha alternativa distinta na que confiar, incidindo en que “Via Alfoz chegou para que en Alfoz houbese un cambio, pero non un cambio de persoas senón de formas de gobernar que garantan o futuro do noso pobo. Porque, unha vez máis, estamos convencidos de que Alfoz ten futuro”, subliña Xabier Pardiñas, candidato nas pasadas eleccións e actual voceiro de Via Alfoz.

O fallido mercado medieval de Alfoz de 2022 xa custou ás arcas municipais máis de 13.000 €

Un mes despois da súa celebración, via alfoz fai balance do custe dun evento marcado pola pésima organización por parte do goberno local

Alfoz, 16 de agosto de 2022.

O Mercado Medieval de Alfoz, que este ano organizou “en exclusiva” o Concello de Alfoz, “tal e como proclamou exultante o alcalde Jorge Val durante o pregón desta edición”, xa acumula, de momento, máis de 13.000 € de gastos, segundo os datos iniciais aos te tivo acceso Via Alfoz. Para a formación independente isto supón un auténtico dispendio, tendo en conta o nefasto resultado do mercado onde “apenas había media ducia de postos fronte ao medio cento que se podía ver nas últimas edicións”.
Desde VIA Alfoz consideran que a pésima organización desta edición do Mercado Medieval de Alfoz, mostra a falta de coñecemento e de capacidade de xestión do actual goberno municipal, quen vén de “tirar por terra todo o traballo feito pola veciñanza de Alfoz” nos máis de vinte anos de existencia dunha cita que, outrora, era recoñecida en Galicia entre as festas de recreación histórica. Un evento que, segundo lle indicaba Jorge Val aos antigos organizadores, “nós somos capaces de organizalo en catro días”. Na actual edición, “non sabemos cantos días tardaron en organizalo o señor Val e a señora Incera, responsable de turismo do concello, o que sabemos é que lles costará máis de 13.000 € ás arcas municipais, o que supón un auténtico disparate vendo o que se organizou”, apuntan desde Via Alfoz.
Ademais, Via Alfoz non entende como, desde o goberno local, se pretende responsabilizar deste fracaso aos anteriores organizadores cando o Concello asumiu a organización xa na edición de 2019, nin tampouco como se pode culpar aos que non asistiron a esta edición, “a falta de afluencia ao evento é unha consecuencia e non unha causa deste desastre” e recordan que, a nefasta organización, “fixo que houbese postos que decidiron marchar do evento xa na primeira xornada e outros que deron volta antes de montar”. Ademais, sinalan que a xente que asistiu o venres deuse conta de que a celebración se convertera nun paseo de políticos afíns e non nunha festa de recreación histórica e indican que “ultimamente o señor Val dedícase a pasear políticos polo noso concello, pois debe pensar que é mellor oír os seus consellos partidistas que non escoitar á xente de Alfoz”. Neste sentido, Efigenia Maseda, Presidenta de Via Alfoz, engade que “ os políticos que, antes do pregón, se encargaron de facer propaganda do PSOE e dos cartos que investía a Deputación neste evento, non deberían estar moi orgullosos do resultado”.

Críticas á actitude do Alcalde na última serión plenaria

Via Alfoz critica tamén a actitude autoritaria que Jorge Val mostrou no Pleno ao ser preguntado polo Mercado Medieval.

 Alfoz, 16 de agosto de 2022.

Via Alfoz critica a actitude que o alcalde Jorge Val mantivo na última sesión plenaria, na que, preguntado polo Mercado Medieval, entre outros asuntos de interese, “impediu o debate entre os membros do Pleno mostrando unha conducta autoritaria, que noutros tempos el tanto criticaba”. Neste sentido Via Alfoz considera que o actual goberno está sumido na vella política clientelar esquecendo a xestión do concello e indican que “Jorge Val converteuse nun alcalde de perfil baixo que antepón o favor persoal, o asfalto e o foco, actuacións que antes censuraba, no canto de encargarse de xestionar os grandes retos aos que se ten que enfrontar o noso concello”.
Eliseo Lorenzo, membro do Grupo Municipal de Via Alfoz, apunta que “o goberno municipal non quixo pedir no Pleno desculpas pola organización do Mercado Medieval”, recordando que “cando foron preguntados respecto a qué se debería facer para mellora a imaxe do concello despois deste desastre, indicóusenos que tiñamos que traballar todos xuntos, algo que se fai moi difícil cando nin eles mesmos deron exemplo no evento vestíndose de época para a ocasión, como si fixemos outros”, en alusión a parte dos membros do goberno, o que indica a división existente dentro do PSOE local.

Via Alfoz pregunta ao concello polas obras de conservación da fonte da Grela

As obras proxectadas poden supoñer a desaparición dun elemento etnolóxico como o que representan os lavadoiros públicos.
Alfoz, 26 de marzo de 2022.

VIA Alfoz, vén de solicitar no ao goberno municipal de Alfoz o acceso á documentación completa do expediente de Obras de Conservación e Mantemento na Fonte da Grela, coa intención de poder aclarar o alcance das obras, que está a preocupar á veciñanza deste barrio da Parroquia de Lagoa.
Xa no Pleno do 29 de xaneiro de 2022, VIA Alfoz, formulou unha pregunta relacionada citada Fonte da Grela, xa que “as obras que se van a realizar na mesma poden supoñer a desaparición dun elemento etnolóxico como o que representan os lavadoiros públicos.
Desde VIA Alfoz recordan que a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, no seu artigo 91, apartado 3, indica que se presume o valor etnolóxico de diferentes bens, estando entre eles as fontes e os lavadoiros comunais ou públicos de carácter tradicional, tal e como indica o subapartado d. Aínda así, no expediente ao que tivo acceso o Grupo Municipal, indícase que o ben non está catalogado, “se ben non se atopa ningún informe de Patrimonio Cultural sobre idoneidade das obras nin da súa posible catalogación como ben etnolóxico”.
Na nomeada sesión plenaria indicouse por parte do Alcalde Jorge Val, tal e como indica a correspondente acta, que se vai “volver a ter o pío de pedra e o lavadoiro de toda a vida, e a lastra. O tema é que non nos dan permiso para cambiar a estrutura, non podemos facela de novo, pero vaise a mellorar”, se ben na documentación do expediente indicase “que se van demoler os actuais lavadoiros e non se van repoñer, ademais, non aparece ningún informe sectorial que condicione o cambio de estrutura indicado”.
Por outro lado, desde VIA Alfoz non entenden como desde o goberno municipal se afirma, en alusión a outro dos lavadoiros existentes no concello, que “o lavadoiro de As Oiras é da Asociación e o amañaron eles”, mentres que no expediente da Fonte da Grela “non aparece certificación da propiedade por parte do Concello, nin a comunicación enviada por Infraestruturas Agrarias aclara a súa titularidade” tal e como indican desde VIA Alfoz, engadindo que “tampouco hai constancia de que esta construción apareza no Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Alfoz”.
Coa presentación deste escrito, desde VIA Alfoz agardan poder aclarar estas cuestións antes do inicio das obras.

O PSOE de Alfoz vota en contra dunha moción de axuda aos refuxiados de Ucraína

A moción, presentada polo Grupo Municipal de VIA Alfoz, trataba sobre a invasión rusa en Ucraína, a canalización de axudas e a acollida de refuxiados
 Alfoz, 26 de marzo de 2022..

No Pleno municipal celebrado este venres, VIA Alfoz presentou unha moción sobre a invasión bélica que o pobo ucraíno está a sufrir no seu territorio por parte de Rusia. Desde VIA Alfoz recordouse que varios concellos da bisbarra xa se ofreceron para acoller refuxiados e que “o noso municipio tamén cumpre as condicións óptimas para tal fin”. Entre outras virtudes, “dispón de vivendas de titularidade municipal baleiras, así como outros locais susceptibles de seren habilitados a tal efecto, e conta con prazas nos seus centros educativos”. Ademais recordan que, “é coñecida a solidariedade da veciñanza de Alfoz polo que, dende a corporación municipal, debemos apoiar ao máximo estas actitudes”.
Os acordos propostos ao Pleno por VIA Alfoz trataban de establecer, no seno do concello de Alfoz, unha postura en contra da invasión rusa en Ucraína; poñer en marcha un mecanismo oficial para que a veciñanza poida canalizar o envío de víveres, medicamentos e/ou diñeiro aos refuxiados desta guerra; xestionar a acollida de refuxiados nas vivendas de titularidade municipal; dar publicidade, asesorar e xestionar a acollida de refuxiados nas casas que a veciñanza queira poñer a disposición de familias ucraínas no noso concello; asesorar e xestionar a estancia de persoas refuxiadas nos domicilios con familias do concello; así como apoiar as iniciativas tanto de particulares, como de colectivos e ONG’s relativas ao envío de axudas e á acollida de refuxiados, poñendo á súa disposición os medios dos que dispoña o concello.
Durante o Pleno recordaron que desde a veciñanza se están a levar a cabo diferentes iniciativas e incluso se ofreceron vivendas de particulares para acoller refuxiados. Desde VIA Alfoz indican que “de todos é coñecido que moitas veces, cando queremos cooperar con causas solidarias, sentimos a desconfianza de que a nosa axuda non chegue aos seus destinatarios se non coñecemos quen leva a iniciativa. É unha mágoa que ese receo faga que nos botemos para atrás á hora de colaborar en ocasións tan necesarias como a presente. É por iso que, desde o Grupo Municipal de VIA Alfoz, “consideramos que desde as administracións se deberían xestionar canles fiables de solidariedade para poder ser usadas pola veciñanza”, tal e como indica a moción.
Finalmente, estes acordos non puideron ser aprobados polo voto en contra do PSOE local. Aínda así, desde VIA Alfoz intentarán dar resposta ás peticións feitas pola veciñanza, canalizando as súa iniciativas a través de asociacións e ONG’s que están colaborando co pobo ucraíno.
Ademais, A Dirección Executiva de VIA Alfoz, non entende a postura do goberno local respecto ao uso das vivendas de titularidade municipal, “invístense cartos en rehabilitar as vivendas e, sen embargo, non se lles dá ningún uso”. Neste sentido, desde no seno de VIA Alfoz, critican tamén a falta de operatividade do Rexistro de Vivendas Baleiras do concello indicando que “de pouco serve copiar as ideas se despois non sabemos levalas a cabo”, en alusión á posta en marcha dun servizo, que fora inicialmente deseñado pola Concellería de Desenvolvemento Local, dirixida por VIA na pasada lexislatura, e rexeitado polo PSOE, a pesar de seren socios de goberno, e que posteriormente foi aprobado polo propio PSOE nesta lexislatura “carecendo de operatividade pola falta de dilixencia por parte do goberno local”.

VIA critica a postura pasiva do goberno de Alfoz ante o proxecto de instalación da CHR Xistral 

A solicitude do Grupo Municipal de VIA Alfoz de participar na reunión coa empresa Atalaya Generación, non foi nin sequera contestada polo alcalde.
 Alfoz, 21 de febreiro de 2022.

Tras as diferentes reunións e declaracións levadas a cavo polo Alcalde de Alfoz durante a última semana, en relación a instalación da Centra Hidroeléctrica Reversible Xistral (CHR Xistral), VIA Alfoz critica a postura pasiva que o goberno local está tomando nunha cuestión tan importante para os veciños e veciñas de Alfoz. Neste sentido, desde o Grupo Municipal, Eliseo Lorenzo di sentirse “cun sentimento de abandono sen precedentes”, xa que as súas declaracións durante a semana, “déixannos cunha sensación de desamparo e orfandade. É máis, se o alcalde non defende os intereses da veciñanza, sendo o máximo representante do pobo, que nos queda? para que queremos tal alcalde?”
Desde VIA Alfoz considérase que a posta en marcha desta instalación “non sería simplemente o asentamento dunha empresa na nosa contorna, é algo máis que nos afecta a todos e a todas”, por iso é preciso que o concello, como institución mais próxima, estea ao lado dos veciños e defenda os seus dereitos e intereses. Desde a Dirección Executiva de VIA Alfoz, presidida por Efigenia Maseda, considérase que non se poden admitir as declaracións feitas polo señor Val, na reunión informativa levada a cabo o pasado mércores, nas que se puideron escoitar afirmacións como “o concello non pode facer nada” ou "os alcaldes non poden estar a favor nin en contra da instalación", entre outras. VIA Alfoz pensa que o concello ten moito que facer, empezando por defender os dereitos dos seus veciños e veciñas e informando con rigor, xa que “non se pode permitir que un alcalde non sexa capaz de contestar a unha sola das preguntas que se lla realizaron na reunión informativa”. Por outro lado, VIA Alfoz pensa o alcalde non ten que perder tempo pensando no posicionamento a favor ou en contra da instalación, senón que se ten que preocupar de estar ao lado da veciñanza e informalos con transparencia, algo que non está facendo, como quedou patente na reunión do mércores. Ademais, a falta de transparencia está sendo evidente, tras “non obter resposta á petición feita para estar presentes na reunión telemática que a empresa Atalaya Generación tivo cos alcaldes afectados polo anteproxecto”.
VIA Alfoz considera que desde o concello se debe pedir a información necesaria tanto a Atalaya Generación, como ao Ministerio de Transición, para concretar os supostos beneficios socioeconómicos que esta instalación lle vai traer ao val. Preguntado pola coñecida como “Alternativa 0” do anteproxecto, na que se estuda o el balance de beneficios e inconvenientes da instalación, o alcalde de Alfoz foi incapaz de transmitir dato algún. Desde VIA Alfoz non se entende como lle pode sorprender ao Sr. Val de que os veciños se posicionen en contra da instalación, cando a única información da que se dispón unicamente fala dos prexuízos da mesma.
Membros da Dirección Executiva de VIA Alfoz acercáronse esta fin de semana ao lugar de A Grela, un dos barrios afectados pola instalación da balsa inferior preto das vivendas.

O voto en contra do PSOE impide a gravación dos plenos en Alfoz

O Grupo Municipal de Via Alfoz presentou no Pleno deste venres unha moción solicitando a gravación das sesións plenarias do Concello de Alfoz
 Alfoz, 28 de xaneiro de 2022.

No Pleno municipal celebrado este venres, VIA Alfoz instou ao goberno municipal a que, a través do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo, se proceda á gravación dos Plenos Municipais. Así mesmo, tamén se solicitou que as gravacións das sesións se publiquen na páxina web do Concello de Alfoz, habilitando un espazo visible e facilmente accesible para tal fin.
Sometida a moción a debate, finalmente non foi aprobada polo voto en conta dos catro representantes do PSOE presentes no Pleno, tendo que facer uso do voto de calidade do Alcalde xa que os dous edís do PP sumáronse aos dous de VIA Alfoz a favor da moción.
Desde o grupo municipal de VIA Alfoz indican que, “as administracións públicas, e os representantes políticos que formamos parte delas, temos a obriga de facilitar a maior información e participación da nosa veciñanza nos asuntos municipais que lles interesan e lles afectan”. Ademais, tal e como indica a moción, indican que “é obvio que os debates e os acordos adoptados nos Plenos municipais interesan e afectan a toda a veciñanza, tendo dereito a acceder de forma sinxela e rápida ao que din e deciden os seus representantes públicos”.
Desde o equipo de goberno do PSOE indican que as actas das sesións xa se publican na Sede Electrónica do Concello polo que non consideran necesaria a gravación dos Plenos. Neste sentido, desde VIA Alfoz recordan que “é certo que se lle dá publicidade ás actas das diferentes sesións, pero consideramos que a gravación dos Plenos Municipais é unha forma sinxela e obxectiva de amosar a transparencia que a veciñanza espera dos seus representantes políticos”, ademais, “non entendemos a actitude do PSOE, nin sabemos o que lle queren ocultar aos veciños. A gravación dos plenos permitiría que todo o mundo ver a verdadeira actitude do equipo de goberno nos Plenos”. Neste sentido, no propio Pleno, Jorge Val, Alcalde de Alfoz, indicaba que nas redes se estaban terxiversando unhas declaracións da Sra. Incera que aparecen na acta da sesión anterior, en referencia ás obras do peche perimetral do CEIP Castro de Ouro. “Isto saca á luz as diferencias que existen dentro do goberno municipal entre o Sr. Val e a Sra. Incera xa que, mentres que o primeiro indica que esas declaracións eran falsas a segunda confirmou que ela dixera que ía eliminar o muro existente e facer un novo, tal e como di a acta”. En calquera caso, desde VIA Alfoz recordan que “a gravación dos plenos evitaría estas discrepancias” e tamén se laian de que “finalmente non se está facendo un muro novo”, a pesar das declaracións da Tenente Alcalde.
Desde VIA Alfoz sorpréndense da actitude dos grupos de PSOE e PP, recordando que o mesmo PSOE estaba interesado na gravación dos plenos en 2003, negándose por aquel entón o PP. “Parece o mundo ao revés. Algúns esquecen os seus principios cando acceden ao goberno”, apuntan desde VIA Alfoz, engadindo que “trátase dun exercicio de transparencia que o actual goberno non quere realizar”.
No Pleno tamén de debateron outras dúas mocións presentadas por VIA Alfoz correspondentes á realización dunha campaña de sensibilización de responsabilidade cidadá, coa finalidade conseguir unha sociedade concienciada co coidado do medio ambiente, xa que “nos últimos tempos vénse observando a proliferación de lixo nas beiras das vías públicas do noso concello”. Na moción, que foi aprobada por unanimidade, tamén se insta a promover iniciativas de voluntariado, enfocadas en realizar recollidas de lixo a través de diferentes asociacións.
A terceira moción, insta ao Servizo Galego de Saúde á substitución da sinalización existente nos aseos do Centro de Saúde de Alfoz, colocando outra inclusiva, igualitaria e non discriminatoria por estereotipos de xénero ou diversidade funcional. Esta moción foi igualmente aprobada por unanimidade, ampliando o alcance da mesma, a petición de PSOE e PP, para pedirlle ao Segas que se cubran as baixas dos médicos e que se atendan as necesidades de material e accesibilidade.

VIA Alfoz renova o seu Grupo Municipal

Cumprida a metade da lexislatura e coa intención de darlle participación a mais membros do partido,  VIA Alfoz renovará o seu grupo municipal
 Alfoz, 23 de xullo de 2021.

A Dirección Executiva de VIA Alfoz, ven de ratificar a decisión de renovar os membros do Grupo Municipal no Concello de Alfoz. Así, Xabier Pardiñas Suárez e Carmen Geada Maseda, actuais membros do Grupo Municipal, deixarán paso a Efigenia Maseda Paz e Eliseo Lorenzo García.
Segundo indica a Dirección Executiva de VIA Alfoz, “cumprida a metade da lexislatura, trátase de darlle participación a novos membros do partido nos órganos colexiados do Concello”. Subliñan ademais que a renovación se enmarca “nun contexto de absoluta normalidade, cunha transición ordenada e consensuada polo partido”. Ademais, Xabier Pardiñas e Carmen Geada continuarán colaborando cos novos membros, saíndo así reforzado o Grupo Municipal.
Efigenia Maseda, Presidenta de VIA Alfoz, indica que “con esta rotación no desempeño das funcións de concelleiros estamos a afianzar a razón pola que xurdiu VIA na política local hai 6 anos. Alfoz necesitaba cambio e nese cambio participamos activamente” engadindo que “queremos seguir a participar, agora desde a oposición, pero sempre intentando poñerlles voz nos Plenos a todos os veciños e veciñas de Alfoz” recordando que “eles, cos seus votos, fixeron que tiveramos representación no Concello e nós temos o deber de seguir traballando para manter a súa confianza”.
Pola súa banda, Eliseo Lorenzo, número tres da candidatura de VIA Alfoz nas últimas eleccións, indica que “gustaríame agradecerlle aos nosos compañeiros, Xabier e Carmen, o seu traballo inesgotable durante estes anos representándonos en primeira liña” engadindo que “dende VIA seguiremos propoñendo iniciativas para mellorar e satisfacer as necesidades da veciñanza. Alfoz é algo máis que o que levamos de lexislatura”.
Tanto Carmen Geada como Xabier Pardiñas manifestan que “foi unha grande honra e unha importante responsabilidade ser concelleiros en Alfoz”, engadindo ademais que “Efigenia e Eliseo aportarán, sen dúbida, sabia nova para a segunda metade da lexislatura, contando ademais neste novo período co noso total apoio e a nosa experiencia nestes últimos seis anos”.
No Pleno que se celebrará este venres 23 de xullo, darase conta das renuncias dos Concelleiros saíntes, os cales se mostran moi críticos co actual Goberno Municipal “pola súa total inacción, pola falta de ideas que garantan o futuro de Alfoz e pola intransixencia á hora de ter en conta as propostas dos grupos da oposición. Sen dúbida catro anos perdidos para Alfoz”.

Alfoz elixe bandeira oficial sen contar coa opinión da veciñanza

O pleno do pasado venres levou a debate a aprobación da bandeira oficial do Concello de Alfoz, que se aporbou cos únicos votos do PSOE
 Alfoz, 23 de xaneiro de 2021.

No último Pleno celebrado no Concello de Alfoz o goberno municipal levou a proposta de deseño da bandeira oficial do Concello de Alfoz. O deseño foi aprobado cos únicos votos a favor dos 5 membros do equipo de goberno do Psoe, “poucos votos para un símbolo que vai representar a tanta xente” segundo indican desde a Dirección Executiva de Via Alfoz.
Na súa intervención no Pleno, o voceiro do grupo municipal de Via Alfoz, Xabier Pardiñas, indicou que “a identidade de todo pobo está ligada á súa cultura, tradición, xeografía, paisaxe e os valores da súa xente, é por isto último, é dicir pola xente, polo que desde Via Alfoz propoñemos ao Pleno que se debería contar cos nosos veciños e veciñas para elixir a bandeira que nos vai representar a todos”. Ademais indicou que “cremos que hai outros problemas mais importantes nestes momentos que a elección dunha bandeira. Non cremos que sexa unha prioridade para os nosos veciños e veciñas neste momento, pero no caso de ter que elixila agora deixemos que o pobo opine. Precisamente sería unha maneira de darlle participación ao pobo e incluso de compartir unha ilusión nun momento tan triste como o que vivimos actualmente”.
Xabier Pardiñas, voceiro do Grupo Municipal de Via Alfoz, considera que “habería moitas formas de contar coa veciñanza na elección” e, neste sentido, propuxo no pleno estudar a posibilidade de facer un concurso de ideas no que un xurado formado expertos en heráldica elixise un número de propostas e que, posteriormente, o pobo, elixise entre elas nunha consulta popular, tal e como se leva a cabo noutros concellos.
A Dirección Executiva de Via Alfoz reproba a actitude de goberno municipal ao tildar de “ocorrencia” a súa proposta, “non pedimos que estean de acordo coas nosas propostas, simplemente pedimos que as respecten” e, neste sentido, indican que “non soamente nos faltan a nós ao respecto senón tamén aos veciños” engadindo que “non se pode admitir que un alcalde desprece así á veciñanza dicindo que «os veciños non entenden diso», ou que «a bandeira non é tan importante» e incluso a lamentable afirmación de que «se quixeran opinar haberíalles que facer un exame», unha mágoa que o pleno non fose telemático para que os veciños puidesen ver como son desconsiderados polo seu alcalde”.
A proposta elixida polo goberno municipal, deseñada polo Profesor Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, “merece todo o noso respecto, e desde Via transmitímoslle o noso agradecemento polo traballo, mais non se trata do deseño senón de que o pobo de Alfoz poida elixir a súa bandeira”, indica Xabier Pardiñas, quen afirma “levamos 800 anos sen bandeira, non creo que sexa necesario elixila agora con tanta présa”.

VIA ALFOZ  - A Seara, 21 Baixo - 27775 Alfoz (Lugo) | E-mail: vialfoz@gmail.com

© Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados. Deseño web grieih