Presentación da candidatura de VIA Alfoz 

A nova candidatura coa que VIA Alfoz se presentará ás eleccións locais do vindeiro 28 de maio, foi presentada o pasado 1 de maio nun concorrido acto celebrado en Finca Galea, Alfoz. Antes da presentación dos membros da candidatura, interviron Efigenia Maseda, candidata á alcaldía, ademais de Eliseo Lorenzo, Judit Casabella e Xabier Pardiñas.

Na súa intervención, Efigenia Maseda repasou os aspectos a mellorar no Concello Alfoz incluídos no proxecto co que VIA Alfoz se presenta ás vindeiras eleccións, recordando “a xente nova cos seus problemas, principalmente de vivenda e emprego, os que xa teñen traballo pero agardan a que alguén os apoie, ao igual que as empresas, o turismo, a educación, os nosos maiores que tras unha vida de traballos ben teñen merecido o seu coidado”. Tamén tivo tempo para repasar aspectos relacionados co turismo, demandando a mellora “da imaxe urbana e rural que se ofrece ao visitante que se achega ao noso concello” degradada pola falta de mantemento. Tivo tamén palabras para a cultura, facendo mención especial a un Mercado Medieval que esmorece, “o Mercado Medieval está morto, pero non enterrado, debemos recuperalo”. Ademais, a alcaldable engadiu que “este proxecto é un proxecto de equipo, xa que non depende so da candidata senón que nel están implicados todos e cada un dos membros  de VIA Alfoz e abandeirando o slogan: elixo mellorar Alfoz.”

Pola súa parte, Eliseo Lorenzo, indicou que “a finais deste mes temos unhas novas eleccións que se converten en chave para darlle a volta á situación actual. Chegou o momento de darlle a Alfoz o impulso que precisa”. Ademais, destacou que “temos a ansia de poñer en práctica as iniciativas que Alfoz necesita para o asentamento de poboación. Tamén aumentar e potenciar servizos existentes no concello como a escola infantil, os centros de infantil, primaria e ESO, a vivenda comunitaria e, por suposto, o apoio ás asociacións....”. O actual concelleiro e número dous da candidatura, rematou a súa intervención facendo mención á candidata á alcaldía, “presentámonos a estas eleccións con ganas de traballar por Alfoz, cunha candidata sobradamente formada, que coñece moi ben o noso concello, porque xa traballou nel, e estes dous anos estivo como voceira do noso partido demostrando a valía de VIA para gobernar.”

Representando as novas incorporacións, tomou tamén a palabra Judit Casabella, número tres da candidatura, quen destacou que “aínda que a política me gusta e decepciona a partes iguais, volvo principalmente por este proxecto veciñal, xusto e honesto, nun equipo con grandes profesionais, humildes e comprometidos, sen prexuízos, dos que sinto un profundo respecto e admiración. Os cales  non seguen directrices de partidos políticos que están moi afastados da realidade municipal”.

Xabier Pardiñas, que foi o encargado de presentar aos candidatos, indicou que “o feito de que exista esta lista, permite que haxa unha alternativa aos grandes partidos. Unha alternativa formada por xente que non se debe a ningún partido. Xente que unicamente se debe aos veciños e veciñas de Alfoz”, neste sentido recordou que VIA é unha candidatura que non segue ordes de partido, “que soamente segue as vosas ordes, que escoita as vosas necesidades, as vosas inquedanzas, todo o que necesitades pode canalizarse libremente a través de VIA Alfoz”. Pardiñas, que ocupará o cuarto posto da candidatura, foi tamén crítico cos bulos e as mentiras interesadas que aparecen, como cada campaña, e que sempre veñen dos mesmos lados, “este bulos e mentiras van dirixidas a VIA, e tamén a min en particular”, engadindo que “creo que non teño que pedir desculpas por ter éxito no meu traballo”, palabras que provocaron o aplauso dos asistentes. 

Intervención Efigenia Maseda

Intervención Eliseo Lorenzo

Intervención Judit Casabella

Intervención Xabier Pardiñas

O noso equipo

A candidatura de VIA ALFOZ para as próximas eleccións estará formada por unha lista paritaria, composta por oito mulleres e oito homes, acollendo a persoas de varias xeracións desde os 78 ata os 27 anos. A candidatura conta con seis caras novas
representadas por Judit Casabella Pardeiro, Susana Díaz Gil, Pedro Luís Fernández Expósito, Iria Braña López, María José Prado Fernández e Yahel Rodríguez Rubal, que acompañarán a Efigenia Maseda Paz, candidata á alcaldía, aos membro da Dirección Executiva de VIA Alfoz, Eliseo Lorenzo García, Xabier Pardiñas Suárez, María Fernánda Casabella Méndez, José Luís Cascudo Cascudo, Carmen Dolores Geada Maseda, Francisco José Fernandez Fraga, Pablo José Maseda Rubal e Jordi Melián Pagés, ademais de Borja Vizoso Cora. Xunta tanto experiencia como xuventude, comparte continuidade e renovación e está composta, sobre todo, por xente que ELIXE MELLORAR ALFOZ.

Judit Casabella

"Ola, son Judit Casabella, veciña de San Pedro de Mor onde teño o privilexio de vivir xunto coa maior parte da miña familia. Son graduada en Dirección e Xestión Pública e actualmente traballo no sector eólico. Decidín formar parte deste proxecto por varias razóns, entre elas a liberdade ideolóxica e o compromiso de traballar con e para os veciños."

Susana Díaz Gil

"Ola a todo o mundo, chámome Susana e levo toda a miña vida en Alfoz. Son auxiliar de enfermería e sempre tratei de axudar aos demáis, profesional e persoalmente. Agora gustaríame tamén aportar algo para mellorar este concello e que a miña familia poda disfrutar de vivir aquí como eu o fixen, e por iso decidín formar parte deste proxecto."

Efigenia Maseda

"Ola a tod@s! Son Efigenia Maseda e encabezo a candidatura de VIA ALFOZ á alcaldía do Concello de Alfoz. Candidatura formada por xente que foi a impulsora do proxecto de VIA ALFOZ hai xa 8 anos, xente que se incorporou para participar nas eleccións do 2019 e xente que se suma neste 2023 e q inicia a súa andaina nestas eleccións municipais.
Aínda que provimos de sectores diversos, temos unha teima común a tod@s nós e que é o obxectivo de que Alfoz progrese, avance e saia deste estancamento no que se atopa e para conseguilo espero que vós elixades mellorar Alfoz."

Eliseo Lorenzo

"Se de algo me sinto orgulloso é de ser de Alfoz. Gústame colaborar coas distintas iniciativas que teñen como fin dinamizar o noso concello. É un pracer traballar man a man coa xente que comparte as mesmas ilusións e unha satisfacción ver como as veciñas e veciños gozan do traballo que se fai. Despois de 4 anos con VIA Alfoz, confío plenamente no proxecto, véndoo como a alternativa real á situación actual.  VIA Alfoz demostrou estando no goberno ata 2019 e na oposición esta lexislatura que un Alfoz mellor é posible.É por isto polo que eu elixo mellorar Alfoz."

Iria Braña 

" Ola! Son Iria Braña e son profesora de secundaria. A esta paixón miña pola ensinanza únese o gusto por estar en continua aprendizaxe, e non deixar nunca de mellorar. Por iso, e sobre todo polo desexo de aportar o mellor de min ós veciños de Alfoz, decido formar parte VIA."

Carmen Geada

"Ola són Carmen,carteira de moitos vós desde fai 32 anos. Con VIA fun concelleira durante catro anos,e dous na oposición. Alégrome de pertenecer a este partido, de volver a formar parte da candidatura e de apoiar á nosa candidata. Porque é o momento de que Alfoz teña unha alcaldesa e Efi merece selo."

Yahel Rodriguez Rubal

"Ola, chamome Yahel Rodríguez Rubal. Son de Alfoz. Son Técnico en Asesoría de Imaxe Persoal e actualmente traballo como docente. Dar as grazas por poder formar parte deste proxecto e coa ilusión de poder contribuir, axudar e facer melloras polo noso pobo, Alfoz!"

Luis Cascudo

"Ola a todos! Son Luis Cascudo e vivo en Lagoa. Preséntome de novo por VIA porque me gusta como se escoitan e respectan as ideas de cada un dos membros do equipo. Espero que xuntos consigamos que as nosas ideas axuden a mellorar Alfoz."

Borja Vizoso Cora

“Ola son Borja! Nos últimos catro anos vin como este concello se vai apagando e penso que hai que axudar a cambiar iso. Afilieime a VIA porque vexo a necesidade de facer algo por Alfoz e este paréceme un proxecto con futuro. Coñezo o equipo e comparto con eles que hai que mellorar Alfoz”

Maria José Prado

"Ola! Chámome María José e, aínda q nacín no viciño Concello de Foz, xa vai para 13 anos q vivo no Concello de Alfoz, na parroquia do Pereiro. Preséntome ás eleccións municipais primeira vez e fagoo na candidatura de VIA ALFOZ xa que estou convencida de que é a mellor alternativa para que Alfoz progrese. Por iso decidín dar o paso e elexir mellorar Alfoz."

Fernanda Casabella

"Ola, chamome Fernanda Casabella e aunque actualmente vivo en Mor, onde me sinto moi a gusto, sempre serei Fernanda de Pías. Son coidadora dunha persoa dependente e sigo formando parte de Via Alfoz porque creo no seu proxecto e penso que podemos axudar a mellorar este Concello e a calidade de vida dos nosos veciños/as".

Xabier Pardiñas

“Ola Alfoz! Son Pardiñas, e desde fai oito anos decidín formar parte do proxecto de VIA Alfoz. A candidatura que formamos está representada por xente comprometida con Alfoz, por xente que elixe mellorar Alfoz e, sobre todo, por xente chea de ilusión e coa gran responsabilidade de intentar conseguir a vosa confianza. A confianza da veciñanza de Alfoz”

Efigenia Maseda será a candidata de Via Alfoz nas vindeiras eleccións 

Releva no cargo a Xabier Pardiñas, candidato nos últimos comicios locais,  a causa dunha incompatibilidade por motivos profesionais

Alfoz, 17 de abril de 2023.

Na última reunión da Dirección Executiva de VIA Alfoz elixiuse por unanimidade a Efigenia Maseda Paz como candidata á alcaldía para as vindeiras Eleccións Municipais do próximo 28 de maio. Efigenia Maseda releva no cargo a Xabier Pardiñas, quen fora candidato en 2015 pola agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz e en 2019, xa con VIA Alfoz, a causa dunha  incompatibilidade por motivos profesionais.

Nacida en Alfoz, no barrio de Vilaúde, da parroquia de Mor, fai 58 anos, Efigenia Maseda é Licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Mirando cara atrás, desde o seu destino actual como funcionaria de carreira no IES Perdouro de Burela, e ata os seus comezos laborais como docente en academias da cidade de Lugo na década dos anos 90, hai toda unha vida de traballo en moi diferentes  ámbitos e postos que a fan coñecedora da realidade e as necesidades do Concello de Alfoz.

Efigenia Maseda foi traballadora do Concello de Alfoz, exercendo, en diferentes etapas, como Educadora Familiar, Administrativa e Animadora Sociocultural. Ademais, xestionou por parte do concello a organización e coordinación do Mercado Medieval entre 2007 e 2009, evento co que continuou colaborando ata o ano 2018. Esta etapa, ademais do seu traballo no servicio postal de Correos, faina coñecedora, non só da veciñanza, senón tamén dos diferentes lugares do concello de Alfoz.

A nivel político, Efigenia Maseda é Presidenta de VIA Alfoz desde a súa fundación, posto no que foi ratificada na pasada Asemblea Xeral do 13 de novembro de 2022. Agora, asume o relevo natural de Xabier Pardiñas como candidata á alcaldía de Alfoz, tras substituílo como voceiro do Grupo Municipal de VIA Alfoz en 2021.   

Con esta elección, comeza a conta atrás para as eleccións do vindeiro 28 de maio «cunha lista consensuada, cun proxecto renovado e innovador que pretende mellorar o benestar da veciñanza de Alfoz», indica Efigenia Maseda, quen estará acompañada na candidatura por Xabier Pardiñas, xunto con outros membros da actual Dirección Executiva e «moitas caras novas dispostas elixir o mellor para Alfoz» engade a candidata.  A presentación da lista realizarase nun evento público o vindeiro 1 de maio.

VIA ALFOZ  - A Seara, 21 Baixo - 27775 Alfoz (Lugo) | E-mail: vialfoz@gmail.com

© Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados. Deseño web grieih