Temas

VIA ALFOZ RENOVA O SEU GRUPO MUNICIPAL

23/07/2021 · Actualidade

CUMPRIDA A METADE DA LEXISLATURA E COA INTENCIÓN DE DARLLE PARTICIPACIÓN A MAIS MEMBROS DO PARTIDO,  VIA ALFOZ RENOVARÁ O SEU GRUPO MUNICIPAL

A Dirección Executiva de VIA Alfoz, ven de ratificar a decisión de renovar os membros do Grupo Municipal no Concello de Alfoz. Así, Xabier Pardiñas Suárez e Carmen Geada Maseda, actuais membros do Grupo Municipal, deixarán paso a Efigenia Maseda Paz e Eliseo Lorenzo García. 

Segundo indica a Dirección Executiva de VIA Alfoz, “cumprida a metade da lexislatura, trátase de darlle participación a novos membros do partido nos órganos colexiados do Concello”. Subliñan ademais que a renovación se enmarca “nun contexto de absoluta normalidade, cunha transición ordenada e consensuada polo partido”. Ademais,  Xabier Pardiñas e Carmen Geada continuarán colaborando cos novos membros, saíndo así reforzado o Grupo Municipal.

Efigenia Maseda, Presidenta de VIA Alfoz, indica que “con esta rotación no desempeño das funcións de concelleiros estamos a afianzar a razón pola que xurdiu VIA na política local hai 6 anos. Alfoz necesitaba cambio e nese cambio participamos activamente” engadindo que “queremos seguir a participar, agora desde a oposición, pero sempre intentando poñerlles voz nos Plenos a todos os veciños e veciñas de Alfoz” recordando que “eles, cos seus votos, fixeron que tiveramos representación no Concello e nós temos o deber de seguir traballando para manter a súa confianza”.

Pola súa banda, Eliseo Lorenzo, número tres da candidatura de VIA Alfoz nas últimas eleccións, indica  que “gustaríame agradecerlle aos nosos compañeiros, Xabier e Carmen, o seu traballo inesgotable durante estes anos representándonos en primeira liña” engadindo que “dende VIA seguiremos propoñendo iniciativas para mellorar e satisfacer as necesidades da veciñanza. Alfoz é algo máis que o que levamos de lexislatura”.

Tanto Carmen Geada como Xabier Pardiñas manifestan que “foi unha grande honra e unha importante responsabilidade ser concelleiros en Alfoz”, engadindo ademais que “Efigenia e Eliseo aportarán, sen dúbida, sabia nova para a segunda metade da lexislatura, contando ademais neste novo período co noso total apoio e a nosa experiencia nestes últimos seis anos”.  

Na sesión plenaria celebrada este venres 23 de xullo, deuse conta das renuncias dos Concelleiros saíntes, os cales se despediron dos seus compañeiros de Pleno. Xabier Pardiñas, voceiro do grupo, indicou que se queda “co bo dos últimos 6 anos, traballando para os veciños e veciñas de Alfoz” apuntando como único punto negro “as descalificacións e acusacións persoais infundadas de membros do PSOE que se esquecen de que todos somos veciños e que todos temos un mesmo obxectivo, que é traballar por Alfoz”. Ademais agradeceu na súa despedida “o traballo de todo o persoal municipal durante estes anos”.

Á saída do Pleno, os dous membros saíntes, mostráronse moi críticos co actual Goberno Municipal “pola súa total inacción, pola falta de ideas que garantan o futuro de Alfoz e pola intransixencia á hora de ter en conta as propostas dos grupos da oposición. Sen dúbida están sendo catro anos perdidos para Alfoz”. 

VIA ALFOZ RENOVA O SEU GRUPO MUNICIPAL - Imagen 1

¡Compártelo!

Buscamos unha boa comunicación

Se queredes contribuir con algún contido novo, ampliar os que hai ou obter máis información sobre algunha publicación, non dubidedes en contactar con nós.