Temas

ALFOZ ELIXE BANDEIRA OFICIAL SEN CONTAR COA OPINIÓN DA VECIÑANZA

23/01/2021 · Plenos

No último Pleno celebrado no Concello de Alfoz o goberno municipal levou a proposta de deseño da bandeira oficial do Concello de Alfoz. O deseño foi aprobado cos únicos votos a favor dos 5 membros do equipo de goberno do Psoe, “poucos votos para un símbolo que vai representar a tanta xente” segundo indican desde a Dirección Executiva de Via Alfoz.

Na súa intervención no Pleno, o voceiro do grupo municipal de Via Alfoz, Xabier Pardiñas, indicou que “a identidade de todo pobo está ligada á súa cultura, tradición, xeografía, paisaxe e os valores da súa xente, é por isto último, é dicir pola xente, polo que desde Via Alfoz propoñemos ao Pleno que se debería contar cos nosos veciños e veciñas para elixir a bandeira que nos vai representar a todos”. Ademais indicou que “cremos que hai outros problemas mais importantes nestes momentos que a elección dunha bandeira. Non cremos que sexa unha prioridade para os nosos veciños e veciñas neste momento, pero no caso de ter que elixila agora deixemos que o pobo opine. Precisamente sería unha maneira de darlle participación ao pobo e incluso de compartir unha ilusión nun momento tan triste como o que vivimos actualmente”.

Xabier Pardiñas, voceiro do Grupo Municipal de Via Alfoz, considera que “habería moitas formas de contar coa veciñanza na elección” e, neste sentido, propuxo no pleno estudar a posibilidade de  facer un concurso de ideas no que un xurado formado expertos en heráldica elixise un número de propostas e que, posteriormente, o pobo, elixise entre elas nunha consulta popular, tal e como se leva a cabo noutros concellos.

A Dirección Executiva de Via Alfoz reproba a actitude de goberno municipal ao tildar de “ocorrencia” a súa proposta, “non pedimos que estean de acordo coas nosas propostas, simplemente pedimos que as respecten” e, neste sentido, indican que “non soamente nos faltan a nós ao respecto senón tamén aos veciños” engadindo que “non se pode admitir que un alcalde desprece así á veciñanza dicindo que «os veciños non entenden diso», ou que «a bandeira non é tan importante» e incluso a lamentable afirmación de que «se quixeran opinar haberíalles que facer un exame», unha mágoa que o pleno non fose telemático para que os veciños puidesen ver como son desconsiderados polo seu alcalde”.

A proposta elixida polo goberno municipal, deseñada polo Profesor Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, “merece todo o noso respecto, e desde Via transmitímoslle o noso agradecemento polo traballo, mais non se trata do deseño senón de que o pobo de Alfoz poida elixir a súa bandeira”, indica Xabier Pardiñas, quen afirma “levamos 800 anos sen bandeira, non creo que sexa necesario elixila agora con tanta présa”.

 

¡Compártelo!

Buscamos unha boa comunicación

Se queredes contribuir con algún contido novo, ampliar os que hai ou obter máis información sobre algunha publicación, non dubidedes en contactar con nós.